A CATALOGACIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL. DISCURSO HISTÓRICO E ORDENACIÓN DO TERRITORIO : A LIMIA ALTA.

Nos últimos tempos producíronse grandes cambios na valoración dos bens patrimoniais, pasando de ser considerados pola súa singularidade e excepcionalidade a representar outros valores crematísticos, sociais e de ordenación do territorio. A relación do home co territorio ao longo da historia constrúe a paisaxe cultural. O territorio e a paisaxe representan a ligazón entre os elementos naturais, que o configuran inicialmente, completado con todo o que foi engadindo o ser humano. O valor patrimonial no se atopa sómente nos obxectos, senón na relación destes co territorio e coa paisaxe. O patrimonio cargase destes contidos e pide unha nova forma de entendelo con novas propostas metodolóxicas, interpretativas e de aproveitamento sustentable.

Esta nova situación impón un cambio na catalogación tradicional que se viña realizando ata agora, coa incorporación de novas categorías, de novas técnicas, e sobre todo cunha visión mais ampla, que contemple unha concepción integral na que os bens son entendidos como documentos cargados de historia que se relacionan cos súas contornas patrimoniais. Deste xeito o Patrimonio Cultural non é un elemento illado no espacio e no tempo senón que forma parte do tecido cultural que lle da sustento. O territorio como patrimonio permítenos ler nel as pegadas do pasado, a labor dos que nos precederon, o que permite a súa utilización razoable. Neste contexto hai dous conceptos claves: o territorio, nun sentido amplío, entendido como o conxunto da factores que condicionan e determinan os modelos, é o pasado histórico ligado a ese territorio.

A catalogación debe dar resposta a realidade actual converténdoa nunha ferramenta práctica que sexa imprescindible no día a día da ordenación do territorio, e no discurso histórico, e non só nun exercicio de erudición.

Para cumprir eses obxectivos é preciso realizar unha catalogación integral e exhaustiva dos elementos patrimoniais en relación coa súa contorna, e coa súa localización exacta, de tal forma que o seu aproveitamento sirva o mesmo tempo para reconstrucción histórica e como soporte base para a ordenación territorial, convertendo o Patrimonio Cultural nun elemento que artella e integra, que non perturba nin distorsiona e serve para evitar actuacións que obedecen a criterios arbitrarios e que veñen provocando a alteración do tecido construído pola historia no propio territorio, con resultados dispares nos que predomina o chamado “feismo” que non é outra cousa que a falla de integración sostible do pasado no presente.

A Fundación Barrié

A Fundación Barrié mantén historicamente un sólido compromiso co Patrimonio de Galicia e desenvolve e apoia iniciativas encamiñadas á súa posta en valor e difusión, entre as que destacan o Programa Catedral de Santiago e as desenvolvidas no marco das convocatorias Patrimonio Vivo. A razón última deste apoio radica en que a Fundación entende o Patrimonio como un valor estratéxico para a comunidade, un valor que xera riqueza e emprego, non só como vehículo de cultura.

A convocatoria bianual de proxectos Patrimonio Vivo, desenvolvida coa finalidade de ofrecer apoio a proxectos de impacto social no ámbito da recuperación e difusión do patrimonio cultural de Galicia (histórico-artístico, industrial, natural, inmaterial…) contou, dende 2002, cun orzamento de case 1 millón e medio de euros, o cal a sitúa á cabeza das iniciativas privadas a prol do patrimonio de Galicia. Estimular a iniciativa de entidades sen ánimo de lucro galegas mediante unha tripla colaboración -achega económica de contía significativa, o apoio institucional e a asistencia técnica- é a finalidade desta convocatoria.

Un dos proxectos seleccionados pola Fundación dentro desta convocatoria é o presentado polo Museo Arqueolóxico de Ourense “Catalogación do patrimonio cultural, discurso histórico e ordenación do territorio da Limia Alta (Ourense)” cuxo obxectivo final é a catalogación integral da zona, dende unha perspectiva do que debe ser a protección, aproveitamento e posta en valor do Patrimonio.

A proposta vai máis alá da catalogación clásica, pretendendo profundar noutros aspectos dos Bens como poden ser a súa situación xurídica, tipo de interrelación co seu contorno, niveis ou graos de protección, etc. Aspectos que van repercutir nunha mellor protección do elemento, da súa conservación, posta en valor e no papel que deben xogar como instrumentos de ordenación territorial.

Area de traballo

A catalogación abrangue o territorio dos concellos de Xinzo de Limia, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Sandías, Sarreaus, Porqueira, Blancos, Trasmiras e Baltar, integrados todos eles na comarca natural da Lima Alta, no sueste da provincia de Ourense. A superficie destes concellos ocupa aproximadamente 500 Km2, distribuídos en 66 parroquias. Desde o punto de vista da xeografía física, preséntase como un gran anfiteatro delimitado polo sur pola Serra do Lorouco, pola de San Mamede polo norte,e as Serras de Bande e Pénama ao oeste, quedando o límite oriental mais impreciso.

Equipo

Para levar a adiante este proxecto, requiriuse da formación dun equipo interdisiciplinar formado por historiadores, arqueólogos, historiadores da arte, arquitectos, xeógrafos, etc., que, ben a nivel consultivo ou de propostas, aportan a cada ben catalogado o seu particular punto de vista. Os equipos deben ser unha realidade pluridisciplinar, en consonancia coa nova valoración do patrimonio, posto que só diferentes puntos de vista de coñecementos complementarios poden abarcar a complexidade deste tema, no que se necesitan metodoloxías diferentes. Conscientes desta realidade, o equipo que está realizando este proxecto, reforza esa multidisiciplinaridade e a complementa nos diferentes estadios que configuran o equipo total, en función das diferentes necesidades das fases do traballo en que interveñen cada un deles.

Coordinador-Director

Xulio Rodríguez González, Facultativo do Corpo Superior de Museos, Director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Investigadores principais

Yolanda Barriocanal López, Profesora Titular de Historia da Arte Moderno na Universidade de Vigo, campus de Ourense.

Francisco Fariña Busto, Facultativo do Corpo Superior de Museos, Presidente do Grupo Marcelo Macías

Olga Gallego Domínguez, Facultativa do Corpo Superior de Arquivos, ex Directora do Arquivo Provincial de Ourense.

Manuel Xusto Rodríguez, Doctor en Arqueología, Auxiliar de Museo, con destino no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Equipo de documentalistas e de traballo de campo

Angel López Domínguez, Licenciado en Historia; Avelino Rodríguez González, Licenciado en Historia; José Óscar Montero, Licenciado en Historia; Rosana Susana Fernández Quizá, Arqueóloga; Silvia Alejandra García Pose, Licenciada en Historia da Arte; Víctor Manuel Álvarez García, Licenciado en Historia; Mª Teresa Folla Ruíz, Licenciada en Historia da Arte.

Investigadores colaboradores

Antonio Villarino Gómez, Sociedade Galega de Historia Natural; Jorge Abrahan Vila Álvarez, Profesor de Historia en Ensino Secundario; Elena Pilar de Uña Álvarez, Profesora Titular de Xeografía Física na Universidade de Vigo, campus de Ourense; Jesús de Juana López, Catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo, campus de Ourense; Julio Prada Rodríguez; Profesor Titular de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo, campus de Ourense; Mercedes Durany Castrillo, Profesora Titular de Historia Medieval na Universidade de Vigo, campus de Ourense; José César Llana Rodríguez, Axudante de Museos, Museo Etnolóxico de Ribadavia; Xosé Lois Martinez Carneiro, Periodista; Serafín González Prieto, Biólogo, Científico Titular do Consello Superior Investigacións Científicas; Pablo Ramil Rego, Botánico, Director do Instituto de Biodiversidade agraria e desenvolvemento rural; Manuel Caamaño Suárez, Aparellador, Profesor xubilado da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña; Juan Pinto Tasende, Arquitecto,

Informática e deseño web

Diego Blanco Urbano, Técnico informático.

Etapas no desenvolvemento do traballo

1.- A busca de documentación previa é unha labor imprescindible a calquera investigación. A documentación sobre Patrimonio é de moi variada natureza e aporta información moi diversa. Consultáronse: Fontes bibliográficas, inventarios e catálogos anteriores, fontes documentais inéditas sobre todo os libros de fabrica e visitas dos diferentes arquivos parroquiais, fotografías e planos antigos, recursos de información nas redes informáticas, etc. Nesta etapa tamén se definiron os criterios metodolóxicos e a cartografía que se ía utilizar. Para unha correcta situación do ben, que permita unha coherente delimitación da súa contorna, utilizouse o parcelario catastral do Ministerio de Economía e Facenda superposto aos planos 1: 5000 da Base Topográfica de Galicia de 2002-2003 e as ortofotos do Sixpac 2002-2003, ámbolos dous da Xunta de Galicia.

2.- O traballo de campo desenvolveuse ao longo de oito meses por tres equipos formados por dúas persoas cada un, permitindo a valoración real e física de cada elemento a catalogar, e ampliando considerablemente o número de bens catalogados, en relación aos coñecidos por outros inventarios, catálogos e a bibliografía. Nesta etapa púidose contrastar a información obtida na fase anterior coa comprobación in situ. Foi o momento no que se valorou a contorna do elemento, entendida como a sínteses espacial do equilibrio resultante do encontro da dúas forzas de dirección oposta: centrifuga, que tende a ampliar o radio cara a periferia respecto ao ben, e centrípeta, que tende a reducir o radio. A busca e definición do equilibrio destas dúas forzas, vai ser vital para a conservación-protección do ben e a súa implicación na ordenación do territorio. Con carácter xeral se tivo en conta o que sinala o Decreto 232/2008, do 2 de outubro, sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, no que se establece 50 m. cando se trata de bens correspondestes ao patrimonio etnográfico, en 100 m. para arquitectura relixiosa, civil e militar e en 200 m. si" se trata de restos arqueolóxicos.

3.- Traballo de gabinete. Nesta etapa pasou pola crítica e análise todo o material recollido nas fases anteriores, establecendo mecanismos para diferenciar o principal do accesorio. Con toda a información elaborouse a ficha final en soporte informático, integrándoas nunha base de datos operativa, ao tempo que se confeccionaron mapas de dispersión xerais e temáticos, con sínteses de aspectos históricos, arquitectónicos, artísticos, etc.

Cada ben foi situado na correspondente cartografía por medio das coordenadas UTM, delimitando o seu perímetro de protección, seguindo o establecido no decreto o que antes fixemos referencia, por medio de circunferencias de cor azul. A partir destes puntos coa súas contornas, no caso dos bens incluídos dentro dun núcleo ou de bens próximos, establécense polígonos irregulares de protección marcados en liña amarela, que son o resultado de unir os puntos mais exteriores de protección de dito conxunto. O perímetro de protección intenta tamén facer fronte á denominada contaminación visual, que é aquela conformada por determinadas construccións ou instalacións que pola súa altura, volumetría, distancia ou deseño impiden ou distorsionan a contemplación do ben.

Con toda a información e documentación gráfica contamos cunha lectura sintética e completa do Ben, básica para calquera decisión que se tome sobre o mesmo. Desde esta óptica integradora a función do catálogo é dobre. Por unha parte, aporta datos e referencias documentais que posibilitan un punto de partida para a investigación, e por outra, sintetiza as posibilidades de actuación, servindo ao tempo como incentivador da posta en valor do ben catalogado.

O proxecto tamén intenta aproveitar as ferramentas que no momento actual nos ofrece internet, por iso a localización de cada ben pode verse na rede usando a opción “mapa”, que nos sitúa así cada ben en Google Maps. No relativo aos mapas de dispersión de bens, xerados a partir de combinar as diferentes opcións de busca que nos ofrece a base de datos, creáronse mapas nos que está presente a división municipal e parroquial da zona de estudio sobre o fondo de relevo en formato xeotiff. Tamén nos mapas de dispersión é posible a visualización en Google Maps, utilizando a opción “gmap”, de tal xeito que unha vez aberto o arquivo de dispersión e facendo click sobre cada un dos bens que conforman o conxunto coñecemos a denominación do ben e o seu código numérico dentro da base de catalogación.

4.- Difusión, entendida como a transmisión do coñecemento sobre o Ben para acercalo ao entorno social para provocar estratexias de conservación e consumo. O coñecemento científico é o único que permite un aproveitamento do ben tanto para os especialistas como para polo o alcance do público de tódolos niveis culturais. Neste contexto as estratexias a desenvolver son as seguintes:

a) Deseño desta aplicación web para a consulta de datos a través da rede. Dirixido a especialistas, ao publico xeral e os responsables políticos e administrativos en materia de patrimonio cultural e ordenación do territorio. Os Concellos poderán integrar esta catalogación completa nos seus catálogos urbanísticos ou nas diferentes figuras de planeamento que teñan. Desta forma, alcanzaríase o obxectivo proposto. Que a catalogación sexa instrumento de coñecemento histórico, de protección e de ordenación do territorio.

b) A partir desta catalogación elabóranse estudios de sínteses sobre diferentes aspectos no que interfire o Patrimonio Cultural, xeográficos, históricos, artísticos, etnográficos, paisaxísticos, flora e fauna, vías de comunicación, etc., e a súa incidencia na ordenación do territorio, que se plasmará nun libro editado pola Fundación Barrié, a partir dos estudios e do material gráfico e fotográfico aportado polos diferentes investigadores que participan neste proxecto.